Manifesto da VIII Asemblea do Foro Galego da Inmigración

Imaxinade que un domingo calquera, cando tomades algo ou paseades tranquilamente pola rúa, vos abordase a Policía, abrisen os bolsos e mochilas, rexistrasen as vosas pertenzas, cacheásenvos e intimidásenvos fisicamente. Ameazásenvos e sinalásenvos diante das vosas veciñas e veciños, das vosas fillas e fillos.

Parádevos a pensar como vos sentiriades se, mañá, por facer un traballo calquera, por tratar de subsistir e ter para comer, fosedes perseguidas, detidas e obrigadas a afrontar sancións económicas que non podedes asumir.

Supoñede que ao enfermar e acudir ao Centro de Saúde do voso barrio, coa mesma tarxeta sanitaria de sempre, a do resto da veciñanza, alguén vos diga que para vós aquilo non vale, que non tedes dereito xa á atención médica. Imaxinade ler nos periódicos que durante anos estivestes a abusar dese dereito.

Sitúadevos diante dunha Administración que vos denega a tutela xudicial efectiva cobrándovos cantidades de diñeiro inasumibles ou solicitándovos un documento identificativo que non posuídes cando queredes recorrer unha denegación de permiso de residencia ou unha orde de expulsión. Pensádevos desprotexidas e criminalizadas. Tan desprotexidas e criminalizadas que as persoas solidarias e hospitalarias se arrisquen a penas de prisión por botarvos unha man.

Figurádevos vivir todos os días sabendo que a vosa propia existencia é irregular. Que existen Centros de Internamento onde podedes estar presas durante dous meses. Onde sufriredes torturas, maltratatos, violacións e restricións de asistencia médica.

Tratade de concibir o voso rol neste mundo como o de man de obra excedente, obrigada a transitar polas fosas das condicións laborais máis precarias.
Considerade que os mesmos gobernos que fan esta lexislación que vos agrede, da man dos empresarios que vos explotan, promovesen o expolio dos recursos nos sitios de onde vides e que esa fose a causa do empobrecemento que vos forzou a emigrar.

Imaxinade, pensade, figurade, supoñede,… Non vos será difícil. Trátase de observar o redor e mirar o que o sistema depredador tenta invisibilizar: a violencia institucional clasista e racista, imposta coa farsa da austeridade.

Pero que todo isto non vos esperte mágoa ou compaixón. En realidade, non hai vós e nós. Só diferentes agresións e uns agresores comúns. A banca, o empresariado explotador, as multinacionais criminais, os habitantes de paraísos fiscais, os políticos corruptos, os donos, en definitiva, deste sistema económico, queren pasar por riba das nosas vidas, quitándonos a vivenda, a atención sanitaria ou a alimentación.

Porque ademais de colocarvos no lugar das e dos migrantes, deberedes construír os espazos de rebeldía onde facer fronte conxuntamente a toda esta salvaxe ofensiva contra Nós. Contra nós, traballadores despedidos, mulleres explotadas, veciñas desafiuzadas, mocidade sen futuro, activistas represaliadas…

Para rebelarnos e resistir, quédanos o compromiso cos vínculos de apoio mutuo entre as persoas autóctonas e as migrantes, sobrevivindo e loitando pola xustiza, igualdade, dignidade ao que todos os seres humanos temos dereito.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s